jueves, 22 de septiembre de 2016

Crónica de Noelia Carreira da Muller

18 Setembro 2016, 7:00h. a.m. Soa o espertador.
Os días das carreiras, gosto de erguerme con tempo, sen presas, tomar o café de vagar, saboreando con calma finada o silencio das mañás. Sei que en canto chegue a Riazor o día vai ser unha gran festa, un rebulir de mulleres bravas, apaixoadas, desexando participar na IV edición da “Carrreira da Muller” na Coruña.
As 9:00 h. xuntámonos todas para sacar a foto oficial do Clube, facer o quecemento xuntas e darnos ánimos unhas a outras. Temos as pañoletas azuis, agasallo do CAS e da Concellería de Benestar e Igualdade de Sada: “Son capaz, son forte, son muller”, ese é o noso lema. Ás 8:50 h. xa moitas estamos no lugar de encontro con grandes sorrisos de nervios e de emoción: Carmen, Raquel, Lucía, Sabela, Tere, Carol, Sara, Maria Luisa, Esther, Inesuka, Pilar, Marcela, Montse, Debora, Angeles, Cris, Neli, Mely… Adestradoras e alumnas, nais e fillas, amigas e compis, irmás...  en definitiva, a grande familia do CAS, todas xuntas sumando.
Para algunhas, hoxe será a súa primeira carreira e iso marca. Haberá moitas carreiras despois, e todas fantásticas e diferentes, pero a primeira sempre é especial, e se é a Carreira da Muller, todavía máis.
Están con nós moitos mozos do clube, parellas, fillos... veñen para animarnos. Tamén eles están emocionados e queren amosarnos o seu apoio incondicional coa súa presenza.
Coma sempre, o tempo bule e comezamos a trotar, mentres falamos partillando experiencias, preocupacións, emocións… e xa sen tempo, toca a derradeira parada nos baños, e de aí á liña de saída. Sitúome diante e miro o reloxo. Faltan 12 minutos aínda, así que bailo. Cando hai música sempre bailo, non podo estar parada. Non son nervos, é ilusión e ledicia. Hoxe non vou competir, hoxe vou correr coas outras 6.499 mulleres, un luxo!
Alguén me tira da coleta, cando miro, aí está Inés. Leva con doenzas na perna unha longa temporada, e decidiu non participar no último momento, pero finalmente decide correr e desfrutar da carreira da mán de Sara a súa filla, e as demais rapazas. Deséxame sorte e volve un pouco para atrás. O ano pasado fixéramos xuntas a totalidade da carreira, ela entrando de primeira e tirando de mín. Hoxe será distinto...

E comeza a conta atrás: 5, 4, 3, 2, 1, alá imos! Saída complicada, tento non tropezar coas demais rapazas, dou un par de chimpos e despois duns segundos de descontrol e confusión véxome situada no pelotón de cabeza, por detrás de Ana, unha nena de Carballo que durante o primeiro Km. tira de todas nós. A saída é rápida coma sempre, así que diminúo o ritmo e me deixo levar. Repítome “tranqui Noe, respira, mira para adiante, máis a modo”. Mentalmente visualizo o percorrido, penso na miña primeira maratón cando por tres veces pasamos por estas mesmas rúas. Aquel día chovía como soamente chove en Galicia, ventando, granizando e hoxe pola contra fai sol, non hai vento, e a temperatura é ideal. Ó cabo dun Km. a nena, quédase. Fixo un primeiro Km. a 3:50 tirando de todas nós; agora é Natacha a que ocupa a primeira posición, eu sigo o seu ritmo acompasado e regular. Gústame o seu compás e resultame moi cómodo e relaxante. Case chegando ao Km. tres, as pernas pídenme que lles dea un pouco máis de velocidade, e fágolle caso. Natacha quédase un pouco. Escoito a súa respiración e sinto que se vai quedando. Aínda falta a metade da carreira e non quero ir soa, pero en canto chegamos a rotonda e dou a volta, unha marea rosa contínua e fermosa vai subindo ao tempo que eu baixo. Á miña dereita teño o Atlántico azul, o meu mar mariñeiro e a esquerda unha infinita onda de cor rosa que comeza a ruxir e berrar palabras de alento. A soidade desaparece e corro rodeada das voces desas 6.499 mulleres: algunhas son compañeiras do CAS, outras de Farandoleiras Cabaré,  do meu grupo de Baile Galego, amigas, amigas de amigas, descoñecidas... moitas  chámanme polo meu nome. Tento fixar a mirada e non marearme, as veces distingo facianas: Lorena, Sonia, Ana, as miñas irmás Carol e Inés, a miña sobriña Sara. Vou voando. Elas lévanme coas súas palabras de ánimo. Esta carreira é distina, non sufro, corro con elas e son as súas pernas as que me levan cara a meta. É  indescriptibel. É difícil atopar verbas para definir os sentimentos que tiven durante os  derradeiros Kms. Por días como estes, paga a pena todos eses días de esforzo adestrando. As tiradas longas en soidade, a calor deste verán, as series en pista, os madrugóns…..todo isto convírtese en piares fundamentais como corredora e persoa. Ese sufrimento buscado, a capacidade de superación Km. tras Km., a sensación que non corres soa e tampouco adestras soa, sempre guiada por Alberto e acompañada polos e polas compañeir@s do grupo de INEF. Tantas risas e tantos ánimos os uns aos outros: por iso corremos; porque te sintes viva e parte dun todo; porque esforzarse paga a pena e a recompensa son os sentimentos e as vivencias de cada día, de cada Km. As metas de cada un de nos. As metas da vida.
E o premio? O premio é poder chegar arroupada á meta con todas estas bravas mulleres que correron con forza, coraxe e paixón.